Saturday 27 de April de 2024

Sánchez Bugallo propón unha ampliación de cinco hectáreas da parcela do CHUS para “darlle perspectiva de futuro ao crecemento dun hospital, actualmente, ao borde do colapso


O alcalde mantivo un encontro con diferentes autoridades e profesionais do sector sanitario de Santiago para compartir as propostas e facer balance das actuacións realizadas en relación co sector sanitario.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2023. Nun encontro con diferentes representantes do sector sanitario en Compostela, Sánchez Bugallo compartiu as súas propostas de futuro co foco posto na mellora das infraestruturas ligadas á sanidade e, moi especialmente co Hospital Clínico e o Centro de Saúde de Conxo.

“Falamos das necesidades, das demandas e das carencias que se producen no CHUS, precisamente derivadas moitas delas das ampliacións previstas para o hospital” explicou o alcalde en relación coa ampliación que “previsiblemente comezará o próximo mes” do Hospital Clínico e a próxima instalación do centro de Protonterapia. Precisamente, sorbe este segundo, adiantou que “este mesmo venres” informará favorablemente para posibilitar a súa construción.

Algo de especial importancia, posto que a superficie edificable da parcela na que se sitúa o CHUS xa foi excedida coas sucesivas ampliacións. O alcalde insiste en que “a prioridade debe ser a saúde das persoas, traballar para que o noso centro hospitalario siga sendo referencia da sanidade galega e un motor da innovación e da investigación científica tanto para Santiago como para o resto de Galicia”. É precisamente esta vocación de manterse como referencia sanitaria a que inclina a balanza para posibilitar esa construción para, iso si, “acto seguido buscar solucións de mobilidade e de aparcamento na zona”.

Neste sentido o alcalde propón ampliar a parcela do hospital clínico co desenvolvemento do sector do solo urbanizable SUD 9-10, situado ao sur do complexo hospitalario da Choupana, “creando un entorno de calidade ambiental e integrar o Hospital no futuro parque arqueolóxico” acadando “unha grande calidade ambiental na súa integración urbana”.

Serían en total 50 mil metros cadrados os que gañaría a actual parcela “colapsada” do CHUS, pasando 12 a 17 hectáreas que permitiría “complementar servicios dos que hoxe carece”. Entre as prioridades: mellorar a mobilidade na zona e crear novos espazos de aparcadoiro que sexan, ademais, de rotación.

Para mudar a mobilidade estase a deseñar un ambicioso proxecto que pasa por mellorar o acceso desde o periférico na avenida de Xosé Filgueira Valverde e completar o enlace coa rúa Choupana entre outros. Paralelamente, mentres a Xunta avanza no estudo de mobilidade que comprometera para executar o aparcadoiro do CHUS, o alcalde recalca insiste na necesidade de crear 400 prazas na parcela cedida á Xunta polo Concello situada ao carón do CEBEGA.

Novo centro de saúde en Conxo

Sánchez Bugallo recalcou a necesidade tamén de crear un novo centro de saúde que de servizo ao barrio de Conxo, pero mudando a súa ubicación. Para isto o alcalde insiste na necesidade de instar a crear unhas instalacións novas “máis amplas, cómodas, accesibles e con mellores oportunidades de prestar servizos”.

Tamén sobre políticas sociais, tanto o alcalde como os asistentes, recoñeceron o esforzo que se realizou nos últimos anos en esta materia impulsando a creación do Servizo Municipal de Atención a Urxencias Sociais (SEMUS) en colaboración con Cruz Vermella e co apoio financeiro da Deputación da Coruña; ou a través dos propios servicios sociais do Concello: “foron máis de 2.100 familias e 6.000 persoas ás que tivemos que axudar no peor da crise derivada da pandemia, en moitos casos dándolles de comer”, incluso, recalcou o alcalde, “moitas desas persoas nunca acudiran aos servizos sociais”.